RUBÉN GANDOY COMEZA A TEMPADA DE SLALOM CON VICTORIA EN GUITIRIZ

4 mayo, 2024

Rubén Gandoy, aos mandos do seu habitual Peugeot 206, foi o absoluto dominador do Slalom Concello de Guitiriz, primeira proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia da modalidade e que se celebrou baixo unha choiva constante durante toda a xornada, algo que provocou varias penalizacións polo deslizante do pavimento.

Gandoy, un dos habituais e destacados do certame autonómico de Slalom, non deu pé a calquera dos seus rivais, marcando o mellor crono nas dúas mangas oficiais (1:43.727 na segunda) e aventaxando en máis de catro segundos ao que foi finalmente segundo clasificado, Antonio Amor, nun espectacular Seat 1430.

Nesta primeira cita puntuable do Campionato Xunta de Galicia de Slalom o terceiro chanzo da clasificación xeral final foi para Daniel Mellado, a máis de cinco segundos do vencedor da proba e que tivo que conformarse co tempo da primeira manga ao penalizar na segunda co seu BMW.

Completaron os cinco primeiros postos da clasificación xeral Sergio Fernández e Víctor Méndez, nun BMW 320 e un Citroën Saxo, respectivamente.

Dentro da categoría de debutantes, primeiro posto para Adrián Insua, no Seat Arosa.

No trofeo feminino, primeiro posto para Mariquiña Chao, no seu afinado Citroën Saxo.

Compartir