O CICLO DE CHARLAS “FGA NAS AULAS DE PRIMARIA” COMEZOU CUNHA VISITA AO CPI XANCEDA DE MESÍA

31 enero, 2024

O ciclo de charlas “FGA nas Aulas de Primaria”, que conta coa colaboración de GADIS, comezou este martes 16 de xaneiro no CPI Xanceda de Mesía (A Coruña) e coa presenza de Diego García, campión galego de autocross júnior, piloto becado pola FGA na Sandero ECO Cup Galicia na tempada 2024 e ex alumno do centro.

Os máis de 30 alumnos presentes nesta primeira charla aprenderon sobre as distintas modalidades do automobilismo galego e a diferenciar o que é o mundo da competición e o que non, especialmente no que é materia de seguridade e educación vial.

Posteriormente, no turno de Diego, un dos pilotos con máis futuro do automobilismo galego, viron como é posible comezar nas carreiras dende a base e chegar a ser un dos becados pola Federación Galega en base ao seu esforzo e adicación. El mesmo foi o que lles explicou o que é preciso para medrar e transformarse nun deportista de elite e, como non, recibiu as sempre interesantes preguntas dos escolares nunha divertida ronda aberta.

Ademáis, coñeceron todos os pormenores do concurso de debuxo da FGA que lles dará a oportunidade de que o seu deseño se convirta na decoración do Renault Clio Rally5 de Álvaro Castro Laiño e Isidro Rey nunha proba do seu programa deportivo en 2024. A escola gañadora será invitada a visitar a carreira e ver de primeira man o resultado do seu traballo.

Na segunda parte desta actividade, os alumnos puideron desfrutar do Life Live e o Seat Leon Supercopa de Diego e Sabino García e aprender sobre as peculiaridades de cada un dos vehículos. Como non, houbo tempo para as fotografías e levarse un fermoso recordo dunha experiencia que, coa colaboración de GADIS, procura achegar o mundo da competición aos máis xóvenes da casa.

Compartir