Alberto Meira e Avelino Martínez, aos mandos do seu Skoda Fabia Rally2, coroáronse como os gañadores definitivos do XXII Rally Sur do Condado, quinta proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallyes Recalvi.
A parella de Gondomar logrou subir ao máis alto do podio tras unha xornada de auténtica supervivencia, marcada polas altas temperaturas, unha notable taxa de abandonos e unha catarata de avarías mecánicas que sacudiron o devir da proba.
A carreira estivo controlada inicialmente por Dani Berdomás e Brais Mirón, que camiñaban firmes cara a unha nova vitoria co seu Citroën C3 Rally2. Porén, os severos problemas mecánicos que afectaron ao seu vehículo na parte final do rally lastraron por completo o seu ritmo, un contratempo que acabou beneficiando directamente a Alberto Meira para herdar un liderado definitivo. O de Gondomar tampouco tivo un rally plácido, xa que durante o segundo bucle sufriu importantes problemas coa válvula de descarga do seu Skoda que mermaron o rendemento do motor, aínda que logrou repoñerse para aproveitar o posterior tropezo do seu rival, amarrando ademais os puntos clave do Supercampionato R5 Pirelli Recalvi. A cara máis amarga do día levouna Luis Vilariño, quen se viu obrigado a abandonar tras sufrir unha forte saída de estrada co seu Skoda.
Detrás de Meira e de Berdomás, que logrou salvar a segunda praza, o podio scratch pechouse con José Manuel Lamela xunto a Unai Conde, terceiros clasificados tras asinar unha carreira moi regular nun asfalto que non perdoaba o máis mínimo erro. A cuarta posición final foi para Manuel Fernández e Alejandro Cid co seu Skoda Fabia RS, mentres que o ‘top five’ absoluto pechouno a parella formada por Abel Pampillón e José Lage.
Na Top Ten Pirelli B (Top Ten B+), Celestino e Jorge Iglesias impuxeron a súa lei e asinaron un sólido triunfo aos mandos do Ford Fiesta N5. O segundo chanzo do podio correspondeulle a Juan Antonio Fernández e Melisa Prego co seu Honda Civic Type R, mentres que a medalla de bronce foi para a dupla de Miguel Ángel García e Iván Rodríguez a bordo do Citroën Saxo.
Pola súa banda, na Top Ten B Classic, o espectáculo e a propulsión traseira foron os grandes protagonistas. Ismael Fernández e Bruno Alejandro Pérez alzaronse cunia gran vitoria espremendo o seu BMW 325i. A segunda posición final correspondeulle a Antonio Cereijo e Juan Enrique García co BMW E30, mentres que o terceiro posto do caixón ocupárono Eloy Vázquez e Samuel Rodríguez co seu BMW 318is E36.
No referente á Top Ten Pirelli C, a clasificación final calcouse á do trofeo monomarca tras un intenso man a man. Miguel Gayoso e Carlos Guitián lográronse alzar coa vitoria absoluta na categoría, mentres que a medalla de prata correspondeulle a Ánxel Vizoso e Brais López. O terceiro chanzo do podio de promoción foi para a parella formada por Adrián Torreiro e Pedro Rivas.
O Clio Trophy Galicia viviu a fazaña do día coa firma de Miguel Gayoso e Carlos Guitián. Malia arrastrar unha pesada penalización de 1:05 minutos que complicaba notablemente as súas opcións, a parella completou unha espectacular remontada ao longo de todo o rally ata alzarse co triunfo final na copa monomarca. O segundo chanzo do podio correspondeulle a Ánxel Vizoso e Brais López, mentres que a terceira praza foi a mans de Adrián Torreiro e Pedro Rivas.
Pola súa banda, no Volante FGA, a igualdade e a xestión mecánica foron as claves para superar os esixentes asfaltos do Condado. Pablo e Eloy Lorenzo alzaronse cunha importante vitoria a bordo do seu Dacia Sandero Stepway. Seguidos moi de preto, Alejandro e Iván Cagiao fixéronse coa medalla de prata nesta dura cita, mentres que o terceiro posto do caixón foi para os irmáns Eliot e Izan Gómez.
Na copa AMF (que aglutina de xeito xeral a categoría), Francisco Pazos e Esteban Rey rubricaron un rally sensacional a bordo do seu Citroën Saxo para levarse o triunfo definitivo. O segundo caixón do podio correspondeulle a Luis Miguel González e José Antonio González (Peugeot 106), mentres que a medalla de bronce do certame leváronlla Jorge Brenlla e Iván Suárez tamén aos mandos dun Citroën Saxo.
No referente ao certame AMF Orixe, a dureza da proba reordenou os postos de honra, coroando a Luis Miguel González e José Antonio González co Peugeot 106 na primeira posición. O segundo chanzo do podio levárono Jorge Brenlla e Iván Suárez (Citroën Saxo), mentres que a medalla de bronce correspondeu a Samuel Graña e Sergio Boga aos mandos do Peugeot 106 Sport.
Por último, no Criterium Recalvi, a victoria definitiva correspondeulle a Gabri Gándara e Álvaro Cerqueiras, quen asinaron unha brillante actuación sobre os selectivos tramos sureños. O segundo posto quedou en mans de Yago Romero e Nerea González co seu Kia Picanto, mentres que o terceiro chanzo do podio do trofeo foi para David Torres e Manuel Bouzón a bordo do seu Citroën AX.
