ANTONIO LÓPEZ E SANTIAGO GIL COMEZAN A TEMPADA CUN TRIUNFO NO RALLYSPRINT DE PIÑOR

21 febrero, 2026

Antonio López Lence e Santiago Gil Señorans foron os vencedores do Rallysprint de Piñor, primeira proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallysprint GT2i cunha afluencia significativa de público.

O bo tempo animou a desexosa afección galega, que novamente se desprazou ata a localidade ourensá para desfrutar da competición e espectáculo ofrecido polos 88 equipos do campionato e os 7 extras que decidiron participar.

Entre todos, o mellor foi o equipo formado por «Toñito» López e Santiago Gil, que no Peugeot 205 Yacar ofreceron unha fermosa loita con Javier Martínez Carracedo e Javier Barrán ata que o equipo do Renault 5 GT Turbo tivo que retirarse ao sufrir unha saída de estrada que non lles permitiu continuar.

Deste xeito, López e Gil, cun tempo total de 27:30.0, sumaron o primeiro triunfo do curso por diante de dous equipos ourensáns, formados por Fermín Sousa e Carmén González (a 10,3 segundos) e Rodrigo Rodríguez «Caixas» e Alberto Rodríguez (a 22.9), no Renault 5 GT Turbo e no Mitsubishi Lancer Evo X.

Completaron os cinco primeiros clasificados, Miguel Ángel Alonso e Leti Álvarez, penalizados por ser o primeiro equipo que chegou o accidente de Carracedo e recibir unha asignación de tempo, e Diego Félix e Héctor Rodríguez, no Peugeot 208 R2.

Na Copa Kumho, primeiro posto para Sergio Otero e Noel Claro, no Peugeot 206. O segundo chanzo do podio foi para Jesús Vázquez «Choqueiro» e Javier Quevedo, e o terceiro para Lisardo Abelleira e Daniel Pérez.

Na categoría Extra, primeira posición para Dani Berdomás e Brais Mirón, no debut co Citroën C3 Rally2. Segundo posto para David Gonzalez e José Lage e terceira para Javier Ramos e Álex Moure.

A seguinte proba do Campionato Xunta de Galicia de Rallysprint GT2i terá lugar no mes de maio en Silleda.

Compartir