Na Federación Galega de Automobilismo non paramos. Seguimos traballando para que vivir o noso deporte sexa cada vez máis sinxelo e emocionante, e hoxe estamos moi contentos de presentar as grandes melloras que xa podedes atopar na nosa páxina web.
O noso obxectivo era claro: ofrecer ferramentas á altura do noso campionato. Por iso, renovamos por completo o sistema de clasificacións, que a partir de agora é moito máis moderno e rápido. Ademais, incluímos o sistema de puntuación completo e a xestión de descartes actualizada, para que tanto pilotos como afeccionados poidan seguir a loita polo título en tempo real e sen dúbidas.
Dispoñibilidade inmediata por disciplinas
Polo momento, este novo sistema de clasificacións e tempos online xa está operativo para as modalidades de rallyes, rallymix, rallysprint e montaña. Somos conscientes da importancia de todas as nosas disciplinas, polo que xa estamos traballando a pleno rendemento para que slalom, autocross e karting tamén estean dispoñibles con este formato nas próximas semanas.
Escoitando á familia do motor
Pero non nos quedamos aí. Sabemos que o motor en Galicia non sería nada sen a súa xente. Por iso, puxemos a orella nas suxestións de afeccionados, participantes e organizadores. Froito destas conversas, desenvolvemos unha nova páxina de tempos que, grazas á integración cos datos de Anube, ofrece moitas máis funcionalidades. O sistema de consulta é agora moito máis intuitivo, permitindo seguir a evolución das probas dun xeito visual e exhaustivo.
O sistema é responsive, polo que se adapta ós teléfonos móbiles diferentes dispositivos para seguir as probas en directo sen problema.
Podedes acceder dende a pestana Tempos Online 2026 da páxina web da fga.
Esta renovación é un paso máis no noso compromiso por modernizar a xestión da FGA e facer que a tecnoloxía traballe a favor do espectáculo.
Máis novidades no horizonte
Non pensedes que rematamos aquí. Nos próximos meses seguiremos lanzando melloras nestes sistemas e desvelaremos outras aplicacións dixitais nas que o noso equipo leva tempo traballando, sempre co obxectivo de facilitar o día a día de toda a nosa estrutura.
Entrade na web, botádelle unha ollada e contádenos que vos parece. O noso deporte segue avanzando, e queremos facelo con todos vós.

