Sábado de competición e moita igualdade no Autocross de Carballo, terceira proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia da modalidade e que tivo lugar este sábado 7 de xuño.
Éxito de participación na cita autonómica, con nada menos que 71 equipos na grella de saída, máis de 15 que na pasada edición e cunha cifra que non se repetía dende a pasada década.
David Varela, no Peugeot 306, foi o mellor na Clase I cun tempo final de 6:57.364. A continuación situáronse Alejandro Vecino co Citroën Saxo e Eloy Castro, a 11 e 15 segundos, respectivamente.
Na Clase II, primeiro posto na final para Jon Ander López, aos mandos do Citroën Saxo. O da escudería Rallyactividad marcou un tempo final de 6:46.869, apenas medio segundo máis rápido que Daniel Castro, segundo clasificado. Terceiro, a 2,4 segundos do vencedor foi Daniel Señarís.
Javier Ramilo, no Yacarcross, fíxose co triunfo na numerosa categoría de carcross, na que houbo máis de 30 participantes.
Ramilo impúxose por 1,9 segundos a Alberto Lorenzo e 4,2 a Darío Calviño.
Entre os participantes na Copa MRF Senior, primeiro posto para Joaquín Chamorro, seguido de Sergio Busto e Mario Burgueño.
Por último, entre os carcross júnior, primeira posición para Lolo Bermúdez, aos mandos dun LifeLive.
A un segundo de Lolo situouse Joao Traila e no terceiro chanzo do podio clasificouse Andres Iglesias.
Xaquín Corbal, piloto becado pola FGA na tempada 2025 foi o vencedor dentro da Copa MRF Júnior seguido de Adrián Fernández e de Daniel Cierto.
