TABOADELA, PENÚLTIMA PARADA DO CAMPIONATO XUNTA DE GALICIA DE MONTAÑA – CIRCUITO INTERNACIONAL DE MONTALEGRE

21 agosto, 2025

O Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuito Internacional de Montalegre continúa esta fin de semana coa celebración da sexta e penúltima proba puntuable, a Subida a Taboadela.

A cita ourensá, que cumpre seis edicións, contará este ano con 64 equipos na liña de saída, con varias novidades como a presenza de Jonathan Abadín coa Juno, Manuel Rey «O Largo» coa Radical ou Roberto Guerrero coa Forwin RS23. Tamén estarán os principais candidatos á victoria na categoría 8 de carcross, co becado da Federación Galega de Automobilismo, Mario Rivera, competindo na cita da casa.

Entre os carrozados, novo enfrontamento entre Jorge Pérez Alonso (Porsche 991 GT3) e os dous TCR, o de Manuel Senra e Fran Casqueiro, no Peugeot 308 e o Volkswagen Golf, respectivamente.

Na regularidade, cinco equipos, no que será unha nova fin de semana de moita competitividade na categoría.

En canto aos horarios, as verificacións técnicas opcionais comezarán as 18:30 horas no Pavillón de Taboadela. Xa o sábado, o resto das verificacións comezarán ás 09:30 horas no mesmo lugar, coa primeira manga de adestramentos marcada para as 15:00 horas. Xusto a continuación terán lugar as dúas mangas oficiais.

O domingo a segunda manga de adestramentos comezará ás 09:00 horas da mañá. As dúas ascensións oficiais restantes serán a continuación e a entrega de premios xusto ao rematar a carreira.

Compartir