O Campionato Xunta de Galicia de Rallymix afronta a súa terceira parada coa celebración do Rallymix de Ribadumia, que nesta ocasión contará con 95 equipos na liña de saída e marcará o retorno á competición de «Tinín» Iglesias.
Fin de semana emotivo e de recordo, nunha competición chea de emoción e na que os participantes estarán moi atentos ás condicións climatolóxicas. A previsión do tempo tan variable porá a proba a resistencia e capacidade de adaptación dos equipos, nunha competición que nas dúas primeiras probas deixou enormes doses de emoción.
Entre os inscritos, máis de 15 equipos na Copa MRF e Alfonso «Pisko» Ventín co número 1. Favorito na copa e para a clasificación da Clase A, Ventín terá moitos e variados rivais, incluida a presenza de varios estranxeiros.
Dentro da Clase B, varias unidades de N5 e R5/Rally2 para darlle emoción a unha categoría que vai gañando en inscritos grazas a presenza de Copas coma a Pirelli e a Escuderías.
En canto aos horarios, a competición comezará o sábado 25 de xullo ás 11:30 horas, mentres que para o domingo o esquema marca coma hora de inicio ás 09:00 horas.
