O KARTING GALEGO DESPEDIU O ANO COA SUPERCOPA EN OUTEIRO DE REI

26 octubre, 2026

O motor galego volveu vibrar coa celebración da Supercopa de Karting no Circuíto de Outeiro de Rei durante a pasada fin de semana. A proba, organizada baixo a tutela da Federación Galega de Automobilismo (FGA), reuniu aos mellores talentos da rexión nunha xornada marcada pola espectacularidade, o altísimo nivel competitivo e os axustadísimos finais en practicamente tódalas categorías.

Na categoría Senior, Saúl Vaz Dacosta impúxose de xeito firme ao deter o crono nun tempo de 11:21.591, dominando a carreira e mantendo a distancia con Pablo Rodríguez Martínez, que rematou segundo a +3.263. O podio completouno Martín Prado Basadre, quen cruzou a liña de meta a +4.673 do gañador.

A igualdade foi a gran protagonista na categoría Junior, onde Kevin Fernández García levou a vitoria cun rexistro de 11:42.353, avantaxando en tan só 171 milésimas a Martín Mori González (+0.171). Pablo Segura Quiñonero pechou un podio do máis disputado a escasas 284 milésimas do vencedor.

Pola súa banda, na potente categoría KZ, a vitoria foi para Jorge Suárez González, quen completou o percorrido en 11:22.605. David Abal Diego ocupou a segunda posición (+2.229) e Daniel Montouto Adrados conseguiu o terceiro chanzo do podio (+3.568).

Na categoría Mini, Adrián Jiménez García asinou o mellor tempo con 10:17.562 tras unha loita moi axustada polo triunfo. Aroa Fernández Vázquez escoltou ao gañador na segunda posición a tan só +0.319, mentres que Enzo Prada Vidal pechou os tres primeiros lugares a +0.413.

Pola súa banda, a categoría Rookie IAME ofreceu un dos finais máis vibrantes da xornada. Beny Palacio Galindo levou a vitoria cun crono de 7:09.581, superando por un marxe mínimo de 76 milésimas a Alex Fernández López (+0.076). O terceiro chanzo do podio foi para Pablo Kardos Santiago, que cruzou a liña de meta a +0.468 do vencedor.

Finalmente, na Escuela IRT, Dylan Blanco Marcos acadou a primeira praza cun rexistro de 7:16.265 despois de protagonizar un esprint final de infarto fronte a Beltrán Randis Díaz, a quen avantaxou en escasas 54 milésimas (+0.054). Iván Fernández Reimondo completou o podio na terceira posición a +0.326.

Coa celebración desta Supercopa de Karting en Outeiro de Rei, a Federación Galega de Automobilismo reafirma o seu compromiso coa base do automobilismo galego, poñendo de manifesto a gran calidade dos pilotos que compoñen o noso deporte.

Compartir