BARBADÁS PECHA O CURSO DE RALLYMIX CON VITORIAS PARA JAVIER RAMILO «KOBAS» E OS IRMÁNS IGLESIAS

25 octubre, 2026

A localidade ourensá de Barbadás acolleu este fin de semana a última proba puntuable do Campionato Xunta de Galicia de Rallymix, poñendo o broche de ouro a unha emocionante tempada nun evento que se saldou coas vitorias de Javier Ramilo “Kobas” na Clase A e dos irmáns Celestino e Jorge Iglesias na Clase B, e marcado pola importante afluencia de público e a intensidade competitiva en tódalas categorías.

A proba estivo marcada pola gran resposta dos afeccionados nos tramos e pola alternancia meteorolóxica. Se o sábado o bo tempo acompañou o desenvolvemento da xornada, o domingo os ceos cubríronse e a choiva fixo acto de presenza de forma tímida. As horas de luz do sábado tamén condicionaron o programa, xa que a terceira manga tivo que suspenderse despois da participación dos equipos da Clase A por falta de visibilidade. Ante esta situación, a organización optou por adiantar a saída do domingo ás 9:00 horas para poder completar con total seguridade dita manga na Clase B e as dúas restantes previstas.

Na Clase A, Javier Ramilo “Kobas” amosouse intocable e dominou con autoridade. Cun tempo final de 22:37.012, o pentacampión autonómico marcou o mellor crono en tres das cinco mangas celebradas, impoñéndose con claridade aos seus rivais. O segundo chanzo do podio foi para Darío Calviño, que rematou a 14,1 segundos da cabeza, mentres que Miguel Ángel Esteban completou o podio na terceira praza, a 40,2 segundos do gañador.

Pola súa banda, na Clase B, a vitoria absoluta foi para Celestino e Jorge Iglesias aos mandos do seu Ford Fiesta N5. O tándem soubo sobrepoñerse con éxito aos problemas na caixa de cambios que sufriron durante a xornada do sábado. A segunda posición foi para Jaime Pérez e David Calvo, a 21 segundos dos irmáns Iglesias, mentres que o terceiro posto recaeu en David Varela e Erlantz Fernández, un resultado clave que lhes valeu para proclamarse campións da Clase B esta tempada.

En canto ás copas de promoción e trofeos monomarca, a Copa MRF rematou coa vitoria de Alfonso «Pisko» Ventín, seguido de Fernando López no segundo chanzo e Ismael Neira na terceira posición.

Na Copa Pirelli 4×4, o triunfo volveu caer en mans dos irmáns Celestino e Jorge Iglesias, escoltados no podio por Jaime Pérez e David Calvo en segundo lugar, e por David González e Christian Roberto Mejuto na terceira praza.

Pola súa parte, a Copa Pirelli Dianteira saldou se coa vitoria de Juan Manuel Cagiao e Francisco García, mentres que a segunda posición foi para Juan José Pintos e Joel Souto e a terceira para Marcos Lista e Martín Fariña.

Os mesmos Juan Manuel Cagiao e Francisco García certificaron tamén o primeiro posto na Copa Iniciación Escuderías, onde Iria Iglesias e María Becerra foron segundas e Aaron Fernández xunto a José Tobío pecharon o podio no terceiro lugar.

Compartir