O GALEGO DE RALLYMIX COMEZA ESTA FIN DE SEMANA EN TOMIÑO CON 83 EQUIPOS INSCRITOS

11 abril, 2025

O Campionato Xunta de Galicia de Rallymix comeza esta fin de semana coa celebración da segunda edición do Rallymix Serra de Argallo Figueiró – Tomiño. A cita pontevedresa, que na pasada tempada foi a mellor puntuada do certame, afronta este segundo ano de existencia con 83 equipos inscritos, dez máis que na pasada edición.

Xa durante este venres comezarán as verificacións técnicas voluntarias, deixando para a mañá do sábado 11 as obrigatorias para os que non o fixeran no primeiro día. Xa pola tarde, turno para as tres primeiras mangas de competición, con hora de comezo ás 14:00 horas. As dúas restantes disputaranse xusto a continuación.

O domingo a actividade nas dúas derradeiras mangas comezará ás 09:00 horas. A entrega de premios terá lugar na Praza do Telleiro ao término da carreira.

En canto aos equipos inscritos serán máis de 40 carcross, con «Pisko» Ventín como defensor do título e máximo favorito, nunha lista con nomes destacados. Entre os carrozados, Manuel Osorio e Alberto dos Reis e os irmans Iglesias parten coma favoritos, no Skoda Fabia R5 e no Ford Fiesta N5, respectivamente.

Tamén estarán presentes os participantes nas Copas Pirelli, a Copa MRF de Carcross e a Copa Iniciación Escuderías para dar cor a un certame de grande vistosidade.

Compartir