O GALEGO DE AUTOCROSS RETORNOU CON EMOCIÓN E ESPECTÁCULO EN O CASTRO

27 abril, 2024

O Campionato Xunta de Galicia de Autocross comezou con enormes doses de espectáculo e competitividade no circuito de O Castro, sede da primeira das sete probas puntuables do certame e que tivo como vencedores a Javier Lea (Clase I), Jon Ander López (Clase II), Alberto Lorenzo (Clase III), Enrique Castro (Clase IV) e Iago Rodríguez (Clase V).

Javier Lea foi o mellor na final da clase I, de menos de 1.600 centímetros cúbicos. O do Citroën Saxo impúxose nun apretado final a Manoel Felipez, tamén aos mandos dun vehículo do doble chevrón e a Eloy Castro, no seu habitual Peugeot 106.

Dentro dos participantes da Clase II, reservada a vehículos de +1.600 centímetros cúbicos, primeiro posto para o piloto do Citroën Saxo vermello, Jon Ander López, que obtivo un triunfo de autoridade na cita de O Castro, aventaxando na final en máis de 37 segundos a Daniel Castro e en máis de 50 a Iván Fernández.

Alberto Lorenzo foi o primeiro vencedor da tempada da sempre abundante Clase III reservada a Carcross. O piloto do Kincar foi o máis rápido na manga definitiva, por diante de Sergio Suárez e Alejandro Medín, sobre un Speedcar e un LaBase, respectivamente.

No retorno dos vehículos SCC/4×4 ao certame autonómico, primeiro posto da clasificación para Enrique Castro no potente Mitsubishi Lancer Evo VI. A continuación situáronse Mario Ríos e David González, nun Seat Ibiza e un Subaru Impreza, ainda que moi lonxe do vencedor da proba.

Na categoría reservada a carcross júnior, con nada menos que sete equipos inscritos e o debut dos dous becados pola FGA, Dani Abellón e Alex Mariño, dominio absoluto de Iago Rodríguez, que demostrou o seu ritmo superior nunha competición na foi segundo Daniel Cierto e terceiro Daniel Abellón. O segundo dos becados da FGA, Alex Mariño, rematou a proba na cuarta posición da xeral desta categoría.

Compartir