O Campionato Xunta de Galicia de Karting comeza esta fin de semana (29 e 30 de marzo) con máis de 100 equipos inscritos na primeira cita puntuable, o Karting de As Pontes.
O trazado coruñés será o encargado de abrir unha tempada que se presenta apaixoante, non só polo récord de inscritos, senón pola calidade dos pilotos participantes, algúns deles chegados de incluso fora das fronteiras españolas.
Para o sábado, turno para os adestramentos libres e a sempe fermosa categoría pre rookie, na que os máis pequenos da grella dan os seus primeiros pasos no mundo do automobilismo sen mirar ao crono.
Xa o domingo, dende ben cedo, turno para o resto de categorías presentes. Os adestramentos oficiais comezarán ás 9:50 horas para celebrar, xusto a continuación, as primeiras mangas oficiais a partir das 11:50 horas.
A segunda manga está prevista para as 13:30 horas e a entrega de premios aos mellores da fin de semana ás 15:30 horas.
A entrada ó circuito é gratuita.
