Alejandro Martínez, Jon Ander López, Andrés Iglesias, Sabino García, Joao Traila e Pablo Fernández foron os gañadores do Autocross de Carballo, terceira proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia da modalidade disputado durante o sábado 6 de xuño no trazado coruñés.
Con 89 equipos na liña de saída e moitísimo público asistente os equipos ofreceron un magnífico espectáculo en tódalas categorías.
Na Clase I, o primeiro clasificado foi Alejandro Martínez, que no Peugeot 206 firmou un crono final de 7:15.839, algo máis de dous segundos máis rápido que José Antonio Cambón, que foi o segundo clasificado. Javier Lea foi o terceiro a 4,3 segundos do gañador.
Jon Ander López, defensor do título de Clase II, logrou o triunfo nesta terceira carreira da tempada aos mandos do seu habitual Citroën Saxo. O podio desta categoría completárono Daniel Señarís, a menos dun segundo, e Daniel Castro a 1,6.
Primeira victoria da tempada no Campionato Xunta de Galicia de Autocross para Andres Iglesias no Lifelive TN11. O piloto da escudería Rallyactividad logrou o triunfo cun tempo de 6:07.274 por diante de Darío Calviño e de Beto Lorenzo.
Sabino García foi o primeiro clasificado na Clase IV no Citroën DS3. O segundo posto foi para Enrique Castro e o terceiro para Pablo Castro.
Entre os participantes da categoría carcross júnior, a Clase V, o triunfo foi para Joao Traila con tan só medio segundo de vantaxe sobre Lolo Bermúdez. O terceiro clasificado foi o cántabro Aaron Ruiz. O piloto do FGA Junior Team by Maxi Deza, Manu Mariño, non rematou a final.
Adrián Fernández foi o primeiro clasificado na MRF Júnior. O segundo posto foi para Pablo Molinos.
Por último, entre os participantes da Clase VI, primeiro posto para Pablo Fernández seguido de Sabino García e Alejandro Bermúdez.
A seguinte proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Autocross terá lugar en Arteixo o sábado 27 de xuño.
