Jorge Fernández Vilarchao, aos mandos da Gloria C8P, foi o vencedor da 25 edición da Subida a Escusa Poio, terceira proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuito Internacional de Montalegre.
O piloto ourensán, cun ritmo superior ao dos seus rivais na rampa pontevedresa, sumou o seu primeiro triunfo da tempada cunha vantaxe de algo máis de seis segundos sobre outro ourensán, Martín Villar, na BRC 05 Evo.
Villar logrou ademáis a victoria dentro da Copa CM Montiño – Terras de Lantaño «Memorial Paco Outeda».
Pechou o podio o vencedor da categoría de carrozados, Jorge Pérez Alonso, no seu espectacular Porsche 991 GT3. O podio en carrozados completárono Manuel Senra (Hyundai I20N WRC) e Jonathan Álvarez (BMW 335i).
Cuarto clasificado e vencedor da sempre numerosa clase 8 reservada a carcross foi Alfonso «Pisko» Ventín, no Yacarcross.
Yelco Álvarez, no Forwin Tc5F, rompeu a súa mala racha de resultados cun quinto posto final.
Carlos Gutiérrez e Elías González, no BMW E36, foron os mellores dentro da categoría de regularidade, con 17.364 puntos. A continuación situáronse Sito Cabral e José Manuel Quintas e José Luis Gómez e Gonzalo Lorenzo.
A seguinte proba do Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuito Internacional de Montalegre terá lugar os días 27,28 e 29 de xuño con motivo da Subida A Pontenova.
