A Federación Galega de Automobilismo (FGA) e OneSeven, entidade organizadora do Rally A Coruña, comunican de común acordo que o Rally A Coruña 2026 non formará parte do Campionato Xunta de Galicia de Rallyes – Recalvi, xa que a proba será unha das citas puntuables para o Tour European Rally (TER) e o Tour European Rally Historic.
Esta decisión responde á vontade de OneSeven de dar un paso adiante na proxección internacional da súa proba, integrándose nun certame de carácter europeo que contribuirá a potenciar a imaxe de A Coruña e de Galicia como escenarios de referencia no automobilismo deportivo.
Desde a Federación Galega de Automobilismo, manifestamos o noso recoñecemento e apoio a este novo reto deportivo e organizativo, desexando a OneSeven e ao Rally A Coruña o maior dos éxitos no TER.
Así mesmo, a FGA deixa as portas abertas para a súa futura reincorporación ao Campionato Xunta de Galicia de Rallyes – Recalvi unha vez rematado o seu percorrido internacional.
Declaracións:
Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo:
«Queremos desexarlle a maior das sortes aos organizadores do Rally A Coruña nesta nova aventura internacional que afrontan con tanta ilusión.
Dende a FGA amosamos o noso apoio e por suposto deixámoslle as portas abertas para que retornen ao calendario autonómico cando sexa posible.
Na FGA sempre apoiaremos o crecemento do noso deporte e deportistas de forma que cheguen ás máximas cotas.
Toda a fortuna e éxitos para Álvaro Muñiz e os seus colaboradores de OneSeven”.
Álvaro Muñiz, presidente de OneSeven:
«Despois de dez anos formando parte do Campionato Galego de Ralis, cremos que chegou o momento de asumir novos retos como organización de cara á 30ª edición e vindeiras. Por iso, decidimos dar un paso adiante e tentar integrarnos nun certame de ámbito internacional como é o TER, seguindo o camiño que no seu día iniciaron os precursores da nosa proba.
Dende One Seven só temos palabras de agradecemento para Toño e para a FGA polo seu apoio ao automobilismo coruñés durante esta década. Continuaremos traballando man a man tanto coa FGA como coa RFEdeA para que o Rallye da Coruña siga medrando e se consolide como un referente do automobilismo nos próximos anos”.
