ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR UNHA PRAZA NO TERCEIRO «FGA NAS AULAS DE PRIMARIA»

24 octubre, 2025

O programa «FGA nas Aulas de Primaria» retorna no curso 2025-2026 despois de dúas edicións de éxito.

Por terceiro ano consecutivo, a Federación Galega de Automobilismo abre o prazo de solicitude para acoller unha das charlas de introducción ao automobilismo deportivo que terán lugar entre os meses de decembro de 2025 e xuño de 2026.

Ata o momento son máis de 1.600 escolares de máis de 20 centros de toda Galicia os que estiveron presentes nesta xeira de faladoiros nos que os máis pequenos desfrutaron das anécdotas e experiencias dos deportistas e organizadores galegos, ademáis de aprender sobre as diferenzas entre as distintas modalidades, recoñecer as medidas de seguridade nas probas e vehículos de competición e, como non, sobre seguridade vial e alimentación, algo imprescindible no día a día dos máis xóvenes da casa.

Ademáis, tamén terá continuidade o concurso de debuxo posto en marcha nas dúas primeiras edicións. O gañador ou gañadora deste certame será responsable da rotulación do vehículo dun dos equipos becados pola FGA en Rallyes na tempada 2026.

Esta actividade celébrase íntegramente en galego como parte do compromiso da FGA coa promoción da lingua e contará coa presenza de pilotos, copilotos, organizadores e integrantes da FGA.

Os requerimentos para participar nesta actividade son:

  • Centro escolar en calquera das catro provincias galegas.
  • Contar cun espazo exterior no que poder situar algún vehículo de competición.
  • Contar con alumnos de cursos entre 3º e 6º de primaria.
  • Permiso para a difusión do material audiovisual nas redes da FGA e en distintos medios de comunicación.
  • Límite por centro: 150 escolares.

Para participar na terceira edición do programa «FGA nas Aulas de Primaria» é preciso encher o seguinte formulario.

FORMULARIO INSCRIPCIÓN FGA NAS AULAS

O prazo para solicitar unha das prazas remata o día 21 de novembro ás 19:00 horas da tarde e terán prioridade na asignación de datas os centros que non participasen nas dúas primeiras edicións do ciclo.

Compartir