Sexta e última parada do Campionato Xunta de Galicia de Rallysprint – GT2i e segunda visita á provincia da Coruña. O I Rallysprint Cerceda – Tordoia estréase no calendario autonómico coma peche da tempada 2026 cunha notable cifra de 95 equipos inscritos (90 puntuables para o certame e 5 dentro da categoría Extra).
Co título absoluto xa decidido a favor dos flamantes campións Antonio López Lence e Santiago Gil tras os seus cinco triunfos consecutivos (ausentes nesta derradeira proba), a proba servirá para resolver os postos de honra da xeral, as diferentes agrupacións e a disputada Copa Kumho nun percorrido de catro treitos cronometrados (dúas pasadas a Cerceda e dúas a Tordoia).
As verificacións técnicas optativas comezarán este venres a partir das 19:00 horas no Polígono Industrial de Cerceda. Xa no sábado, o resto de equipos verificarán a partir das 07:30 horas.
A competición iniciarase ás 13:15 horas coa saída do primeiro participante dende o parque de asistencia situado no Aquapark de Cerceda, disputándose o primeiro treito cronometrado ás 13:30 horas. O primeiro participante chegará ó parque pechado final situado na Rúa Saúde de Cerceda ás 18:50 horas.
