Anxo Lariño, aos mandos do Citroën Saxo VTS, foi o gañador do Slalom das Somozas, oitava proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Slalom.
Lariño, un dos protagonistas desta tempada no certame autonómico, foi quen de repoñerse dunha mala primeira manga oficial para firmar un novo triunfo, nesta ocasión cun crono de 2:03.852. O segundo posto da clasificación xeral foi para Iván Picallo, que con este resultado fíxose co título autonómico da especialidade a falta dunha proba por disputar.
O terceiro chanzo do podio foi para Fran Pico, no Citroën Ax. Completaron os cinco primeiros clasificados da xeral Rubén Gandoy (campión na tempada 2024) e Pablo Castro.
No trofeo feminino, primeiro posto para Mariquiña Chao, seguida de Alba Senande e Marta Loureiro.
A seguinte proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Slalom terá lugar no mes de novembro con motivo do Slalom Scratch Fene, a proba decana do certame.
