A FGA DESMINTE ROTUNDAMENTE A PROHIBICIÓN DOS WRC EN GALICIA

29 enero, 2024

A Federación Galega de Automobilismo vese na obriga de saír ao paso das manifestacións públicas de D.Víctor Senra Carreira nas que afirma que na tempada 2024 os vehículos da categoría WRC estarán prohibidos nos distintos certames autonómicos.

A FGA, desta forma quere aclarar os seguintes puntos:

  • Que na reunión mantida na sede federativa en ningún momento houbo unha maioría de pilotos que apoiasen a participación dos WRC, senón que houbo un empate e dúas abstencións.
  • Que nesa votación permitiuse a presenza de pilotos que non competiron na tempada 2023 e 2022 no Campionato Galego de Rallyes con vehículos WRC ou R5/Rally2, algo que alterou esa votación, pero que mostrou un xesto de boa vontade por parte da FGA na procura dun entendemento.
  • Que en ningún momento se prohibe a participación dos vehículos WRC nos Campionato Galegos, tan so a súa puntuabilidade. Desta forma poden optar á victoria na xeral e aos premios económicos da clasificación scratch das probas.
  • Que o presidente non foi quen tomou a decisión da non puntuabilidade dos WRC no certame, xa que foi sometido a unha valoración común da xunta directiva e os propios implicados.
  • Que a FGA non tolerará coaccións e manipulacións da verdade como sucede neste caso, nos que se procura xerar un debate con información sesgada e malintencionada, sempre no beneficio dun interese particular.
  • Que cando Don Víctor Senra Carreira fala de “perda de respecto pola FGA” tal vez sería interesante saber se é o mesmo tipo de respecto que mostrou durante o último ano, con movementos que non axudaron ao bo facer da Federación e que causaron danos a todas as partes.
  • Que o “atraso” ao que alude Don Víctor Senra Carreira nesta decisión ven propiciado pola presentación dunha moción de censura que en nada axudou a este deporte e que perxudicou a todas e cada unha das partes implicadas nos certames galegos.
  • Que o principio básico dun certame autonómico é a procura da igualdade, sempre dentro duns regulamentos que promocionen o interés xeral de participantes, organizadores e afeccionados. Entendemos a espectacularidade deste tipo de vehículos, pero tamén que a contención de gastos é importante nun certame deste tipo.
  • Que esta FGA sempre estará disposta a falar e a escoitar a todas as partes interesadas en mellorar o automobilismo galego, sempre que o interés común prevaleza sobre os particulares.

Compartir