A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo, presentou este luns a primeira edición do programa “+Talento Motor” que dará a oportunidade a un piloto pontevedrés de competir na tempada 2024 na Sandero Eco Cup Galicia.
Esta selección, limitada a participantes de entre 18 e 24 anos e censados en calquera dos concellos de Pontevedra, é unha aposta firme do ente autonómico polo mundo do automobilismo, tal e como expresou na rolda de prensa o presidente. “Unha nova mostra do compromiso da Deputación por tender pontes co tecido deportivo, por darlle visibilidade e apoio aos nosos deportistas e polo deporte como complemento ideal do noso destino turístico Rías baixas” e engadiu que “agardo que a convocatoria sexa un éxito e que do circuíto de Forcarei saian grandes deportistas porque, cando se trata de apoiar o deporte de base, os resultados son o de menos”.
A titular de Deportes, Luisa Sánchez, engadiu que “o goberno da Deputación de Pontevedra está envorcado co deporte co obxectivo de que ningún club deportista ou disciplina quede atrás. Queremos converter á provincia de Pontevedra no gran escenario das mellores competicións deportivas e para acadar esta meta precisamos un sector que demostre a súa calidade en todos os ámbitos: no talento dos seus deportistas, no compromiso coas directivas dos clubs e no bo estado das infraestruturas. E para iso é tan necesario o talento técnico e deportivo como a axuda das institucións públicas”.
O prazo de inscripción comeza este martes 14 de maio e estará aberto ata o xoves 23 dese mesmo mes. O proceso de selección terá lugar o día 26 de maio no circuito de Forcarei do que sairá o vencedor desta primeira edición do programa “+Talento Motor Deputación de Pontevedra”.
As bases e formulario de inscripción pódense descargar na seguinte ligazón.
