Jacobo Senín, aos mandos da Nova NP01, foi o vencedor da Subida a Taboadela, sexta proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuito Internacional de Montalegre.
Senín dominou a cita ourensá durante a calurosa fin de semana, deixando o crono final marcado en 2:51.081, máis de 12 segundos mellor que Jorge Fernández, na Gloria C8P.
O ourensán mostrouse moi regular durante toda a proba, confirmando a súa alternativa a victoria cando Senín non está presente.
O terceiro chanzo do podio foi para o primeiro carrozado clasificado, Jorge Pérez Alonso, que aos mandos do Porsche 991 GT3 é o rival a batir en todas e cada unha das ascensións. O seu crono final, 3:11.269
Completaron os cinco primeiros clasificados Miguel Ángel Rodríguez e Yelco Álvarez, ambos ourensáns e sobre un Fórmula Outeda e un Forwin, respectivamente.
Entre os carrozados o podio completouse con Fran Casqueiro (Volkswagen Golf TCR) e Jonathan Álvarez, BMW.
Dentro da categoría reservada a carcross, triunfo para Beni Porto, superando a «Pisko» Ventín en apenas tres décimas de segundo. A terceira posición da categoría foi para o ourensán Abrahán Vázquez a só seis décimas de segundo da victoria.
Na Copa CM Montiño – Terras de Lantaño «Memorial Paco Outeda», novo primeiro posto para Martín VIllar, no BRC. O segundo posto foi para Miguel Ratón, no Speed Car.
Fernando Ferreiro e Antonio Martínez foron os mellores clasificados na categoría de regularidade con 4622 puntos. O segundo posto foi para Sito Cabral e José Manuel Quintas e o terceiro para Iván e José Antonio López.
A última proba do Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuito Internacional de Montalegre terá lugar os días 5,6 e 7 de setembro en Ponte Caldelas.
