YAGO MARTÍNEZ, VENCEDOR DA SELECCIÓN «MÁIS TALENTO MOTOR» DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

26 mayo, 2024

Yago Martínez Diz, de Salvaterra de Miño e 21 anos de idade, foi o piloto seleccionado para competir na Sandero ECO Cup Galicia grazas ao programa “Máis Talento Motor” posto en marcha pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo.

Este evento, celebrado no circuito da Madalena en Forcarei e que contou coa presenza de Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación e deputada de Deportes, mostra o firme apoio do ente provincial ao mundo do automobilismo deportivo galego, algo polo que a FGA se mostra agradecida. «O automobilismo é unha das disciplinas deportivas con máis tirón na provincia, así que síntome moi satisfeita de que a Deputación dese, por vez primeira e con “+Talento Motor”, resposta a unha demanda popular que resultou, ademais, ser un éxito rotundo”, asegurou Luisa Sánchez.

Yago Martínez, vencedor desta primeira edición, enfrentouse a outros 34 participantes chegados de todos os recunchos da provincia de Pontevedra, nunha xornada formativa e competitiva que tivo o seu punto álxido coa celebración das finais, nas que os cinco mellores loitaron contra o crono para facerse con este volante para a tempada 2024.

Nesa manga final Yago Martínez foi o máis rápido por diante de Iago García, Eliot Gómez, Adrián Leyenda e Danessi Fernández que serán, a súa vez, os pilotos suplentes nesa orde.

A selección “Máis Talento Motor” comezará o próximo fin de semana coa participación na primeira proba puntuable para a Sandero ECO Cup Galicia, que terá lugar con motivo do Rallye de Pontevedra, quinta proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallyes.

Compartir