Jacobo Senín, na Nova NP01, foi o vencedor da Subida a Vilar de Barrio, segunda proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuito Internacional de Montalegre.
A cita ourensá, que marcou un récord de inscritos con 61 equipos participantes nesta cuarta edición, deixou momentos de emoción, nunha fin de semana con moito público nos apenas catro quilómetros de lonxitude da proba.
Senín, que xa venceu na cita inicial disputada en Taboada, foi novamente o máis rápido durante toda a fin de semana, sendo ademáis o único capaz de baixar dos dous minutos. Finalmente, o da Escudería Estradense deixou fixado o seu rexistro en 3:53.895.
O segundo posto da clasificación, nunha carreira con melloras na súa Lola F3000, foi para Alexis Vieitez, que se quedou a 12,4 segundos do vencedor.
Terceiro nesta ocasión foi o ourensán Jorge Fernández, na súa segunda proba aos mandos da Gloria C8P, a 18,8 segundos do primeiro lugar da clasificación.
Jorge Pérez Alonso foi o cuarto clasificado e ademáis fíxose co primeiro posto dentro do apartado de carrozados, que dominou de principio a fin no seu Porsche 991 Gt3. No apartado de carrozados completaron o podio Fran Casqueiro no Volkswagen Golf TCR e Manuel Senra, que nesta ocasión pilotou o Hyundai I20N WRC que habitualmente utiliza o seu fillo Víctor no Galego de rallyes.
Completou os cinco primeiros clasificados o tamén ourensán Martín Villar, que no BRC05 Evo foi o vencedor da Copa CM Montiño – Terras de Lantaño, ampliando así a súa marxe de puntos sobre os seus competidores neste trofeo promocional.
Entre os Carcross, primeiro posto Alfonso «Pisko» Ventín, que se impuxo por 5,2 segundos a Beni Porto e 5,9 a Abrahán Vázquez. O cuarto posto da clasificación foi para o debutante Daniel Gayoso, a 7.7 segundos.
O becado da FGA, Mario Rivera, foi séptimo clasificado da categoría, na que foi a súa segunda proba aos mandos do La Base Rx01.
Na Clase 1, victoria para Jonathan Álvarez; na 4, para Juan Couceiro; na 5A, para Carlos Lage; na 5B, para Santi Fernández e na 5C, para César Figueiras.
Entre os participantes na categoría de regularidade, victoria para Darío Amorín e Francisco Rigueira, con 9384 puntos. O segundo chanzo do podio foi para Iván e José Antonio López e o terceiro para Sito Cabral e José Manuel Quintas.
A terceira proba do Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuito Internacional de Montalegre terá lugar os días 13,14 e 15 de xuño con motivo da Subida A Escusa – Poio.
