Fin de festa no circuito de A Madalena, en Forcarei. O Campionato Xunta de Galicia de Karting pechou unha nova tempada coa celebración sa Supercopa FGA, que nesta ocasión reuniu a máis de 80 equipos.
Despedida da exitosa tempada de karting galega cun fin de semana no que o bo tempo permitiu aos afeccionados desprazarse ata o trazado pontevedrés e observas as evolucións dos talentos do futuro.
Despois do espectáculo do sábado dentro da categoría pre-rookie, con participantes dende os tres anos, o domingo chegou o momento das carreiras no resto de categorías.
Entre os rookies, primeiro posto para Nicolás Fernández, con Álex Busto e Neizán Granda xusto a continuación.
Kevin Fernández foi o mellor clasificado dentro dos participantes na categoría mini. O segundo posto foi para Ramiro Martín (primeiro entre os mini novel) e o terceiro para Daniel López (segundo mini novel).
A sempre apaixoante categoría júnior foi a parar a mans de Daniel García, que superou a Hugo Santamaría e a Adrián Cabo.
Saúl Vaz rematou no chanzo máis alto do podio a carreira da categoría sénior, con Nicolás Rodríguez e Manuel Pérez na segunda e terceira praza, respectivamente.
Por último, na categoría reina, os KZ, primeiro posto para César Álvarez, que se impuxo na gran final ao subcampión da Beca24 en rallyes, Yeray González. O terceiro posto da xeral foi para Roberto Abuin.
Abuin, pola súa banda, ocupou o primeiro posto dentro dos participantes da categoría KZ2. Jorge Suárez e Francisco Maquieira foron segundo e terceiro, respectivamente.
