A Federación Galega de Automobilismo pon en marcha o Campionato Xunta de Galicia de Enerxías Alternativas – Consellería de Industria, o primeiro certame autonómico deste tipo en territorio nacional, que ve a luz grazas ao apoio da Consellería de Economía e Industria, da Secretaría Xeral de Industria e de Mobify. A primeira proba, organizada por ACAP, disputarase este sábado 7 de novembro en As Pontes, e abre un novo capítulo para o automobilismo galego.
Conscientes da novidade que supón esta cita e de ser unha modalidade en expansión na autonomía grazas o Eco Rally de A Coruña, 11 equipos estarán presentes na saída da primeira proba, un dato que confirma o interese que esta nova disciplina espertou entre os participantes.
Que é un eco rally
O eco rally é unha proba en estrada aberta na que o importante non é a velocidade, senón a eficiencia e a regularidade. Os equipos deben cumprir uns horarios e unhas medias establecidas co menor consumo enerxético posible, o que converte a xestión da enerxía e a precisión na condución nas claves da competición. No novo Campionato Xunta de Galicia de Enerxías Alternativas – Consellería de Industria están admitidos os vehículos híbridos e eléctricos.
Unha aposta pola sustentabilidade
Esta iniciativa forma parte do plan da FGA para apostar polo medio ambiente e a sustentabilidade no deporte do motor. A federación quere contribuír á redución da pegada de carbono, impulsar as novas tecnoloxías e achegar a mobilidade eléctrica e híbrida a pilotos, afeccionados e público en xeral.
Primeiro paso dun certame con futuro
Esta proba e a seguinte, que se disputará antes de que remate a tempada 2026, constitúen o inicio dun campionato que terá continuidade en 2027.
Horarios da proba
As verificacións comezarán a partir das 13:00 horas e, ás 15:00 horas, tomará a saída o primeiro participante. A chegada está marcada para as 19:15 horas e a entrega de premios terá lugar ás 22:15 horas no Campo de Tiro de As Pontes.
