Fin de tempada no ano de estrea do Campionato Xunta de Galicia de Rallysprint GT2i. Terceira proba puntuable, nesta ocasión o Rallysprint Val de Rmirás, e terceiro vencedor distinto co primeiro posto de Daniel Berdomás e Brais Mirón aos mandos do Volkswagen Polo N1 do equipo JRT Motorsport.
Os recentes vencedores do Rallye Ourense – Ribeira Sacra ampliaron o seu palmarés este sábado 28 de setembro cun triunfo que tiveron que loitar ata o final. O seu crono final foi de 28:03.154, tan só 17 segundos máis rápido que o dos segundos clasificados e primeiros líderes da proba Antonio López e Raquel Rodríguez, no Peugeot 106.
O terceiro chanzo do podio foi para Javier Martínez Carracedo e José Antonio Barrán, no Renault 5 GT Turbo.
Por detrás, cuarta posición final desta terceira proba para Antonio Fernández e Alberto González, que acadaron os puntos precisos para facerse co título de Campións Galegos de Rallysprint e estrear o palmarés deste certame. Xusto a continuación, José Manuel Pazos e David Calvo, que perderon un tempo valioso no primeiro treito cronometrado, algo que lles fixo perder opcións no Ford Fiesta R200.
No Desafío Kumho, victoria e título para Rubén López e José Ángel Fente, que nesta ocasión mudaron o seu habitual Peugeot 208 R2 por un Ford Fiesta R2. Acompañáronos no podio Aitor Fornos e Sandra Amaro e Ismael Fernández e Bruno Alejandro.
Entre os participantes no Trofeo Val de Ramirás, primeiro posto para Daniel Estévez e Daniel Domínguez e na proba extra, primeiro posto para José Antonio Gómez e Rubén Soto.
