O OURENSE – RIBEIRA SACRA PECHA O CAMPIONATO XUNTA DE GALICIA DE RALLYES RECALVI

6 noviembre, 2026

O Rally Ourense Ribeira Sacra regresa ao calendario para pechar a tempada do rexional galego coa disputa da súa novena e última cita do Campionato Xunta de Galicia de Rallyes – Recalvi. Tras un ano de ausencia, a proba ourensá volve con forza e mantén unha estrutura moi similar á de edicións anteriores, destacando como grande novidade a incorporación do treito cronometrado de Baños de Molgas.

Co título xa resolto a favor de Dani Berdomás e Brais Mirón —ausentes nesta cita final—, todas as olladas estarán postas na loita polo subcampionato de Galicia. O duelo promete ser apaixonante entre dous equipos: José Lamela e Unai Conde fronte a Alberto Meira e Avelino Martínez. A fórmula é sinxela e directa: o equipo que termine por diante na clasificación xeral do rally farase co subcampionato.

Ademais da loita polo podio absoluto do autonómico, a proba será decisiva para resolver varios trofeos e copas de promoción que chegan sen campión definido, entre elas a Copa AMF, a AMF Orixe, Volante FGA – Sandero Eco Cup e a Top Ten C.

A competición arranca hoxe venres a partir das 19:00 horas coa disputa do primeiro treito cronometrado en Castro de Beiro. A actividade continuará o sábado desde ben cedo, ás 8:00 horas, cunha intensa xornada na que se disputarán os 8 treitos restantes para completar o percorrido.

Compartir