O programa educativo e de concienciación «FGA nas Aulas de Primaria», impulsado pola Federación Galega de Automobilismo e co patrocinio de GADIS, Recalvi e Mobify, xa ten debuxo gañador para a súa terceira edición. Tras un complexo proceso de selección entre os máis de 1.000 traballos recibidos nesta convocatoria, a proposta presentada por María Gabriela González Pérez, alumna do CEIP Xosé Luís Taboada de Carballedo (Lugo), resultou a vencedora do certame.
A decisión final estivo a cargo dun xurado composto polos patrocinadores do programa e o piloto Miguel Gayoso. A resolución reflectiu a enorme calidade e orixinalidade dos traballos presentados, culminando nuna votación extremadamente reñida que se decidiu por un só voto de marxe, boa mostra da igualdade e do alto nivel exhibido polas cinco propostas finalistas.
Como premio principal, o debuxo de María Gabriela dará o salto do papel á competición real: o seu deseño estará presente e lucirá no vehículo dos deportistas Miguel Gayoso e Carlos Guitián durante a disputa do Rallye Ourense – Ribeira Sacra, última proba puntuable do Campionato Xunta de Galicia de Rallyes – Recalvi.
A presentación oficial do coche realizarase nunha data aínda por concretar no propio centro escolar (antes da celebración do Rally Ourense – Ribeira Sacra), o CEIP Xosé Luís Taboada. O acto contará coa presenza do propio Renault Clio Rally5 decorado para a ocasión, do piloto Miguel Gayoso e do presidente da Comisión Xestora da FGA, Antonio Rodríguez Troitiño.
Con este fallo e a posterior presentación ponse o broche de ouro a unha edición de «FGA nas Aulas de Primaria» na que máis de 1.200 escolares de toda Galicia puideron achegarse ao automobilismo deportivo, á seguridade vial, á nutrición e aos hábitos de vida saudables, consolidando o éxito dunha iniciativa que une formación, deporte e creatividade.
