O ACORDO DE COLABORACIÓN ENTRE A FGA E O CIRCUITO INTERNACIONAL DE MONTALEGRE TRAE A DANI SORDO Ó RALLY SAN FROILÁN

14 octubre, 2026

Froito do importante acordo de colaboración e patrocinio entre o Circuíto Internacional de Montalegre e a Federación Galega de Automobilismo (FGA), a 48.ª edición do Rallye San Froilán contará cun convidado de luxo: o piloto do WRC, Dani Sordo. O cántabro acudirá á cita lucense para presentar á afección a RallyX Global Final, a grande Final Mundial deste prestixioso campionato internacional de rallycross que se disputará os días 24 e 25 de outubro no trazado portugués.

Esta destacada acción promocional e de cooperación transfronteiriza é o resultado directo do compromiso conxunto entre a FGA e o Circuíto de Montalegre para potenciar os deportes de motor a ambos lados da fronteira, contando para esta ocasión coa colaboración fundamental da Escudería Miño Lucense, entidade organizadora do emblemático rali lugués, un dos máis importantes e concorridos do Campionato Galego de Ralis.

O piloto español estará xunto ao parque pechado e na cerimonia de saída para achegar a espectacularidade do rallycross aos afeccionados galegos e españois, que ano a ano abarrotan as bancadas do circuíto portugués.

A partir das 20:00 horas, Sordo compartirá tempo cos afeccionados nunha sesión de autógrafos na Praza Horta do Seminario. Seguidamente, subirá ao podio de saída do Rallye San Froilán ao volante dun dos coches de competición. Durante a xornada, a organización exporá na praza dous dos vehículos máis potentes do certame: o FC1 Hypercar de 1.100 CV —o coche de rallycross máis potente do mundo, co que Sordo competirá na cita mundialista— e o FC2 Supercar de 550 CV.

Como parte das actividades paralelas organizadas no marco desta alianza entre o Municipio de Montalegre, a FGA e a Escudería Miño Lucense, sortearanse entradas para o evento internacional e vaise instalar un simulador de rallycross co trazado virtual da pista de Montalegre para desfrute de todos os asistentes.

Un novo desafío para Dani Sordo

Figura de referencia no Campionato do Mundo de Ralis (WRC) durante máis de dúas décadas, Dani Sordo debutará oficialmente na modalidade de rallycross no Circuíto de Montalegre, onde medirá forzas cos mellores especialistas europeus e norteamericanos. En Portugal, o piloto de Torrelavega poñerase ao volante dun vehículo capaz de acelerar de 0 a 100 km/h en só 1,4 segundos, enfrontándose ao reto das saídas en parrilla en paralelo, o contacto porta con porta e a sempre decisiva estratexia da Joker Lap.

Os días 24 e 25 de outubro, Montalegre acollerá a primeira edición da Global Final, que reunirá aos mellores profesionais dos automóbiles RallyX de Europa, Estados Unidos e Canadá nun formato de dobre xornada (unha carreira o sábado e outra o domingo). O evento decidirá o título mundial en oito categorías: FC1 Hypercar, FC2 Supercar, Open 4RM, 4RM AM, 2RM Pro, 2RM FWD, Crosscar e Crosscar Júnior.

Venda de entradas

Fiel á esencia máis pura e rápida do rallycross, o RallyX Global Final ofrecerá un programa de máxima acción con máis de 55 carreiras ao longo da fin de semana.

As entradas están dispoñibles a partir de 20 euros e pódense adquirir a través da plataforma oficial da BOL.

ENTRADAS RALLY GLOBAL FINAL MONTALEGRE

Compartir