A Federación Galega de Automobilismo (FGA) e a Deputación da Coruña asinaron o pasado xoves 8 de outubro un convenio de colaboración que supón un paso adiante fundamental na modernización e desenvolvemento do deporte do motor na propia provincia e en Galicia. Mediante este acordo, a institución provincial achegará 52.000 euros —o 66% do investimento total estimado en 78.650 euros— para a adquisición e adaptación dun autobús que prestará servizo como oficina móbil nas distintas competicións.
O acto de sinatura contou coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e do presidente da comisión gestora da FGA, Antonio Rodríguez Troitiño.
O novo vehículo acondicionado converterase no centro neurálxico das probas deportivas. Na súa estrutura albergará a dirección de carreira, unha área específica para o control de tempos equipada con ordenadores e unha sala para as reunións dos comisarios deportivos. Para garantir a máxima eficiencia operativa en calquera contorno, a oficina móbil contará con conexión 5G a Internet, sistema de climatización e xerador eléctrico propio.
Esta infraestrutura non só mellorará significativamente os medios técnicos dispoñibles para garantir o correcto desenvolvemento e seguridade das carreiras, senón que tamén suporá un importante aforro económico para as entidades e clubs organizadores das probas na provincia.
Neste sentido, o presidente da comisión gestora da FGA, Antonio Rodríguez Troitiño, destacou:
“Queremos agradecer á Deputación da Coruña o seu apoio firme e convencido ó automobilismo, un deporte con moita tradición na provincia e da que saíron e sairán deportistas e organizadores de altísimo nivel. Este convenio mellorará as condicións de tódolos federados e supón un paso adiante no noso firme desexo de modernizar a FGA”.
A provincia da Coruña é un dos grandes motores do automobilismo galego. Na pasada tempada, o territorio acolleu un total de sete probas de autocross, cinco de slalom, unha de karting e tres ralis de gran calado (o Rali da Coruña, o Rali Berberecho de Noia e o Rali de Ferrol). Estes eventos mobilizaron a miles de equipos, deportistas e afeccionados, xerando un impacto económico directo estimado en máis de 2,3 millóns de euros na economía local.
Ademais do eido puramente competitivo, a FGA quere poñer en valor a alianza coa Deputación da Coruña na promoción da educación viaria e a formación en valores. A través deste convenio, a federación continuará coas súas visitas a centros escolares da provincia para achegar o automobilismo ao alumnado e impartir sesións sobre hábitos saudables, igualdade e seguridade viaria, un programa que xa chegou a máis de 2.000 alumnos e alumnas nos últimos anos.
Desde a Federación Galega de Automobilismo reitérase o agradecemento á Deputación da Coruña e ao seu presidente polo seu firme compromiso co deporte do motor, os seus clubs e toda a afección galega.
