Jacobo Senín, na xeral e en non carrozados, e Jorge Pérez Alonso, en carrozados, foron os gañadores da Subida a Vilar de Barrio, segunda proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuito Internacional de Montalegre.
A proba ourensá, que afrontou a súa quinta edición, tivo tempo para tódolos gustos. Da chuvia en forma de trebóns do sábado pasouse a unha calor abafante o domingo, algo que puxo a proba a resistenza tanto dos participantes coma dos organizadores e afeccionados.
Na clasificación xeral, novo triunfo para Jacobo Senín aos mandos da Nova NP01. O piloto da Escudería Estradense non se mostrou moi conforme co rendemento do seu monopraza, co que detivo o crono final en 4:18.240.
O segundo chanzo do podio foi para Alexis Vieitez, que coa Lola F3000 estivo preto do vencedor da proba, pero rematou por ceder máis de oito segundos na clasificación xeral. O terceiro posto foi para o local, Abrahán Vázquez.
O ourensán, todavía en adaptación a súa Osella, fixo unha nova parada no certame autonómico para sumar un novo podio.
O cuarto posto da xeral foi para o vencedor da categoría de carrozados, Jorge Pérez Alonso. O piloto do Porsche 992 GT3 dominou a competición, pero sufriu unha saída de estrada cando tentaba bater o seu propio récord na segunda manga oficial.
O segundo clasificado na categoría de carrozados foi para Fran Álvarez Casqueiro co Volkswagen Golf TCR e a terceira para Jonathan Rosendo, no Porsche 991 GT3.
Entre os carcross, primeiro posto para Alfonso «Pisko» Ventín no Yacarcross. A segund praza foi para Beni Porto, unha vez superados os problemas mecánicos da primeira xornada co LaBase. Completou o podio da categoría, Martín Torres, co Kincar.
O becado da Federación Galega de Automobilismo e integrande do FGA Júnior Team by Maxi Deza, Alejandro Pereira, realizou unha excelente proba situándose no quinto posto entre os carcross.
En regularidade, primeira posición para Fernando Ferreiro e Antonio Martínez no Ford Focus. Segundos foron Sito Cabral e José Manuel Quintas e terceiros, Abel Yáñez e Lorena Salgado.
