MOECHE, SEGUINTE PARADA DO AUTONÓMICO DE SLALOM

18 julio, 2025

O Campionato Xunta de Galicia de Slalom continúa este sábado 19 de xullo coa celebración do Slalom de Moeche, cuarta proba puntuable para o certame e que contará con máis de 70 equipos na liña de saída.

A cita coruñesa, unha das consolidadas do certame e unha das favoritas dos equipos, contará cos principais candidatos a facerse co título a final de tempada. Iván Picallo, Pablo Castro, Aitor Fornos, Sergio Fernández ou Borja Cotovad, entre moitos outros, loitarán polo primeiro posto nunha cita que novamente terá lugar en pleno corazón de Moeche.

A actividade comezará ás 08:00 horas coas verificacións dos vehículos, antes de comezar coa primeira manga de adestramentos ás 10:45 horas. Xusto a continuación terá lugar a segunda pasada de adestramento.

Despois do xantar, ás 16:30 horas, comezarán as dúas mangas oficiais das que sairán os vencedores do Slalom de Moeche.

A entrega de premios está marcada para as 21:45 horas na praza do concello da localidade.

Compartir