SERGIO FERNÁNDEZ E MANUEL OSORIO E DAVID CALVO, VENCEDORES DO RALLYMIX DE TOURO

3 mayo, 2025

Sergio Fernández Figueiras, aos mandos do LaBase SX01 na clase A, e Manuel Osorio e David Calvo, na B, foron o vencedores da oitava edición do Rallymix Concello de Touro, segunda proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia da modalidade.

Fernández Figueiras, dentro da clase A, escalou ata a primeira praza da clasificación na derradeira manga, ao superar a Alfonso “Pisko” Ventín, que finalmente foi o segundo clasificado a 1,2 segundos.

O terceiro posto da clasificación foi para Javier Ramilo “Kobas”, a tan só tres segundos da victoria, con Darío Calviño a pouco máis de catro, nunha xornada de competición apaixoante e tremendamente igualada entre os carcross.

O quinto posto da xeral absoluta e primeiro dentro da clase B foi para Manuel Osorio e David Calvo, a 23 segundos do primeiro posto da xeral, pero cunha vantaxe holgada sobre o segundo dos clasificados da súa clase.

Tino e Jorge Iglesias clasificáronse no segundo posto da Clase B a 1:12 minutos dos vencedores, mentres que o terceiro chanzo do podio foi para Enrique Castro e José Fernández, no Mitsubishi Lancer Evo VI, a 3:59 minutos de Osorio e Calvo.

Juan Manuel Cagiao e Iván Bergondo finalizaron na cuarta posición entre os integrantes da clase B e primeiros dentro da Copa Pirelli. Juan José Pintos e Roberto Rodrígez e Marcos Lousa e Raúl García foron segundos e terceiros neste formato promocional, respectivamente.

Precisamente Cagiao e Bergondo foron os vencedores da Copa Iniciación Escuderías, seguidos novamente de Lousa e García, pero con Fran Abalo e Joel Souto, na terceira praza.

A próxima proba do Campionato Xunta de Galicia de Rallymix terá lugar no mes de xuño, con motivo do Rallymix Sidra da Estrada.

Compartir