O Campionato Xunta de Galicia de Montaña – Circuito Internacional de Montalegre estreará na tempada 2025 un novo formato promocional.
Xa dende a primeira cita puntuable, que terá lugar na Subida a Taboada, e nas seis probas restantes, o certame autonómico sumará a nova Copa CM Montiño – “Memorial Paco Outeda”.
Este novo formato promocional sae adiante grazas ao decidido apoio de tres empresas cunha fonda tradición no mundo do automobilismo galego, todas elas fácilmente recoñecibles polos afeccionados galegos. O Grupo Montiño (que será o patrocinador principal), Senra Sport e Carnes Marabú (ambas coma colaboradoras) aportan o seu gran de area para contribuir ao crecemento e promoción da montaña autonómica.
O principal propósito desta competición é aumentar a participación deste tipo de vehículos nunha copa que terá continuidade, a priori, nas vindeiras tempadas.
Precisamente, coma mostra do profundo respecto e agradecemento ao legado de Paco Outeda, deportista e constructor de monoprazas galego, esta 1ª Copa CM Montiño será tamén Memorial Paco Outeda, nun galardón que será entregado a final de tempada na gala da FGA.
Os premios desta Copa serán os seguintes:
1.- 300 €
2.- 180 €
3.- 120 €
O regulamento deste formato xa está publicado na web da Federación Galega de Automobilismo (www.fga.es).
