A Federación Galega de Automobilismo (FGA) e Renault Group España alcanzaron un acordo estratéxico de longa duración para a renovación da Clio Trophy Galicia e do Volante FGA – Sandero Eco Cup de cara ás vindeiras tres tempadas: 2027, 2028 e 2029.
Dende a entidade federativa quérese agradecer expresamente a boa vontade, a predisposición e o firme compromiso amosado por Renault Group España co automobilismo galego, facendo posible a continuidade de dous piares fundamentais para o noso deporte.
Volante FGA – Sandero Eco Cup: a base dos pilotos becados
O Dacia Sandero Eco Cup continuará sendo o vehículo oficial do Volante FGA durante o trienio 2027-2029. O certame manterá exactamente o mesmo sistema de competición actual, cun calendario composto por cinco probas puntuables, consolidándose un ano máis como a ferramenta clave para seguir formando aos futuros pilotos becados da FGA na disciplina de rallyes.
Clio Trophy Galicia: continuidade co Clio Rally5
Pola súa banda, a Clio Trophy Galicia apostará pola máxima estabilidade técnica para os seus participantes durante as próximas tres campañas. Entre as tempadas 2027 e 2029, o certame seguirá disputándose exclusivamente co Clio Rally5, ofrecendo un marco deportivo sólido e continuo para todos os equipos.
Ao igual que cos restantes certames promocionais, a FGA realiza este anuncio coa suficiente antelación para que todos os equipos e deportistas poidan traballar e preparar os seus proxectos para a tempada 2027 con tempo e garantías.
