Pablo Kardos, Rafael Simón, Kevin Fernández, Saúl Vaz e Lino Collado, foron os vencedores do Karting de As Pontes, terceira proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia da modalidade.
Os 109 equipos inscritos que se deron cita no trazado coruñés desfrutaron dun excelente clima e dunhas condicións de pista que favoreceron carreiras de enorme nivel.
Pablo Kardos, con dúas victorias, foi o mellor dentro da clasificación Rookie, na que Lucas Pazos foi segundo clasificado e Neizán Granda terceiro.
Un chanzo por riba, na modalidade Mini, primeiro posto da clasificación xeral para Rafael Simón, seguido de Daniel López e de Jorge Núñez. Entre os debutantes da categoría Mini Novel, primeira posición para Enzo Prada, con Aroa Fernández, segunda, e Alex Busto, terceiro.
Kevin Fernández, cunha xornada de domingo fantástica, foi o dominador da categoría Júnior. Dous triunfos en dúas carreiras para deixar a Martín Mori en segundo lugar, sempre a sombra de Kevin, e a Anxo Feijóo, terceiro.
Na modalidade Sénior, primeiro posto para Saúl Vaz, con Brais García no segundo chanzo do podio e Nicolás Rodríguez, no terceiro.
Por último, entre os KZ, primeira posición para Lino Collado, seguido de Luis Fernández e Jorge Illade. Guillermo Carrera foi o primeiro clasificado da categoría KZ2, con Diego González e Jorge Suárez a continuación.
