O CAMPIONATO XUNTA DE GALICIA DE RALLYES RECALVI AFRONTA A SÚA SEGUNDA PARADA, O RALLY DE A CORUÑA

20 marzo, 2025

O Campionato Xunta de Galicia de Rallyes Recalvi prosigue esta fin de semana coa celebración da segunda cita puntuable, un Rallye de Coruña que contará con 102 equipos na liña de saída.

A actividade comezará ben cedo coa celebración do shakedown, antes de pasar as verificacións técnicas (dos equipos non participantes no shakedown) e a posterior saída protocolaria dende a praza de María Pita.

Para o sábado, oito treitos cronometrados, con comezo ás 08:09 coa primeira pasada por Oza Cesuras e chegada do primeiro equipo participante ás 21:05 horas no mesmo lugar de comezo da proba.

O parque de asistencia estará situado no Polígono de Vío.

En canto aos principais inscritos, Víctor Senra e Paula Ramos parten co dorsal número 1 aos mandos do Hyundai I20N WRC. Con vehículos desta categoría tamén estarán Jorge Pérez Alonso e Manuel Raído e Antón Pérez e Paloma Múgica, nun Ford Fiesta WRC e un Mini WRC, respectivamente.

Alberto Meira e Avelino Martínez parten coma favoritos dentro do Supercampionato R5, e alternativa ao dominio dos WRC. Chama a atención a presenza de Joao Barros, nun Volkswagen Polo R5, aínda que fora do Supercampionato e copilotado por Jorge Henriques.

Ademáis tamén estarán os participantes dos distintos formatos promocionais coma a Top Ten B e C, a Pirelli AMF ou o Volante FGA.

Nesta ocasión a cerimonia de saída non será retransmitida en directo.

Tódolos afeccionados poden acceder a información da proba a través do sportity: CORUNA25.

Compartir