O Campionato Xunta de Galicia de Rallyes chega esta fin de semana a súa décima e derradeira proba puntuable, o Rallye San Froilán. En total serán 150 equipos os que se darán cita nas estradas lucenses dende o venres 18 ata o sábado 19 de outubro para desfrutar dunha fin de semana chea de emocións e actividades.
Xa este xoves 17 de outubro a Escudería Miño – Lucense organiza un encontro cos principais pilotos da proba en Outeiro de Rei dende as 20:30 horas. O evento terá lugar no Hotel Casas de Fortaleza de Outeiro de Rei e é de acceso libre para os afeccionados.
Despois do aperitivo do xoves e antes do comezo das verificacións técnicas, turno para a presentación do deseño gañador do concurso de debuxo do programa «FGA nas Aulas de Primaria». Africa García, de dez anos, foi a vencedora. A alumna desvelará o deseño que utilizarán nesta proba os becados da FGA, Álvaro Castro Laiño e Isidro Rey. O acto será na explanada fronte a Casa do Concello de Outeiro de Rei ás 12:00 horas.
A continuación, turno para as verificacións técnicas, antes de comezar a actividade deportiva ás 19:30 coa celebración do primeiro treito cronometrado. Xusto despois terá lugar a cerimonia de saída, en pleno corazón de Lugo, na Praza Horta do Seminario.
Para o sábado, oito treitos cronometrados, catro a doble pasada, con chegada do primeiro participante a Lugo tras case 100 kilómetros conometrados marcada ás 21:20 horas na Avenida Ramón Ferreiro, ubicación histórica do Rallye San Froilán que este ano volve ao itinerario.
Con respecto aos principais favoritos. O local Paco Dorado xunto coa berciana Andrea Lamas parten co número 1 nas portas no Citroën C3 WRC. Tamén parten con opcións Alberto Meira e Avelino Martínez, vencedores da pasada edición ou Daniel Berdomás e Brais Mirón, entre outros. Nesta proba ademáis estarán presentes todos os formatos promocionais dos Campionatos Xunta de Galicia, con especial atención a Pirelli AMF, o Clio Trophy Galicia ou o Criterium Recalvi, que coñecerán o seu gañador nos treitos lucenses.