A FGA INCORPORA UN NOVO EQUIPO DE RESCATE HIDRÁULICO PARA REFORZAR O SEU COMPROMISO COA SEGURIDADE

2 noviembre, 2026

A Federación Galega de Automobilismo adquiriu un novo equipo de rescate hidráulico da marca Holmatro, referente mundial en ferramentas de salvamento. Con esta compra, a FGA segue a investir nos medios que protexen a quen forma parte do noso deporte.

O equipo componse dunha unidade de potencia hidráulica con motor, mangueiras de alta presión e unha cortadora hidráulica, ferramentas deseñadas para actuar con rapidez e precisión en caso de accidente. Permiten cortar elementos estruturais dun vehículo e facilitar a extracción dos ocupantes cando cada segundo conta.

O prezo de compra deste novo equipamento é de 26.523,58 €.

Que supón para os federados

Para pilotos, copilotos e demais licenzados, esta adquisición significa contar con mellores medios de intervención nas probas do calendario galego. Esperamos non ter que utilizalo nunca, pero saber que o material está dispoñible e en boas condicións dá tranquilidade a quen compite e tamén ás súas familias e equipos.

O material tamén beneficia a todas as persoas que fan posible cada proba: comisarios, voluntarios, equipos de asistencia e persoal de seguridade e sanitario.

Un compromiso permanente coa seguridade

A seguridade é unha prioridade da FGA, e esta incorporación é parte dun traballo continuo para mellorar os protocolos, a formación e os recursos materiais nas nosas competicións. Seguiremos revisando e actualizando os medios que poñemos ao servicio dos federados, porque o noso obxectivo é que o automobilismo galego sexa cada día máis seguro.

Compartir