Víctor Senra e José Murado, aos mandos do Hyundai I20N WRC, fixéronse co triunfo no Rally Mariña Lucense, cuarta proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallyes Recalvi.
Senra e Murado repuxéronse da retirada no pasado Rali de Noia cun dominio de comezo a fin cun tempo finam de 52:44.124 .
Desta forma o vixente campión autonómico aventaxou en 51,3 segundos a Alberto Meira e Lino Martínez, que sufriron problemas mecánicos na recta final da mañá (1° Supercampionato R5 Pirelli – Recalvi).
O terceiro chanzo do podio foi para Dani Berdomás e Brais Mirón, que viron coma as súas opcións de victoria se esfumaban na primeira pasada por Xove ao furar un pneumático, quedándose a 3:06.4 de Senra e Murado.
Completaron os cinco primeiros clasificados, David González e Gustavo Piris e Alberto Otero e Jordán Vázquez , ambos lonxe da cabeza.
Nas copas de promoción, primeiro posto da Top Ten B Pirelli Driver Autia B para Celestino e Jorge Iglesias, no Ford Fiesta N5. Segundos foron Marcos Díaz e Víctor López e terceiros Ramón Piso e Manuel Barreiro.
Na Top Ten C, Álvaro Castro e Ricardo Rey foron os mellores, con Marco Lorenzo e Diego Gil en segundo lugar e Freddy Tames e Guillermo de la Vega, terceiros.
Rubén Vázquez e Alejandro Somoza foron os gañadores da Pirelli AMF, con Alexis Vieitez e Antía García, segundos e Omar López e Iván López, terceiros.
Miguel Gayoso e Carlos Guitián estrearon a segunda Sandero Eco Cup Galicia by Rodosa cunha victoria incontestable. O piloto ourensán dominou a proba dende o primeiro metro e non deu opción algunha aos seus rivais.
Segundos clasificados foron Eliot Gómez e Moncho Seoane, nun ano de cambio tras competir no Criterium as últimas tempadas.
O terceiro posto foi para o piloto da Deputación de Ourense, Rubén Castillo, que copilotado por Alberto Rodríguez, debutou en competición de maneira notable cun podio.
Anxel Vizoso e Brais López suman e seguen no Volante FGA (1° PXP). A segunda posición foi para Adri Torreiro e Pedro Rivas e a terceira para Roberto Suárez e Christian García.
Por último no Criterium Recalvi, novo primeiro lugar para os vixentes campións, Adrián Regueira e Sergio Fernández. Completaron o podio, Martín Varela e Diego Rodríguez e David Torres e Manuel Bouzón.
A seguinte proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallyes Recalvi terá lugar no mes de xuño con motivo do Rallye de Pontevedra.