«PISKO» VENTÍN E SANDRA AMARO, GAÑADORES DO RALLYSPRINT DE PIÑOR 2025

15 febrero, 2025

Alfonso “Pisko” Ventin e Sandra Amaro, aos mandos do Lancia Stratos Yacar foron os vencedores da segunda edición do Rallysprint de Piñor, cita inaugural do Campionato Xunta de Galicia de Rallysprint GT2i.

A proba ourensá, que marcou o comezo da tempada de automobilismo en Galicia en 2025, levou a milleiros de afeccionados ata as vilas de Piñor e San Cristovo de Cea, que non quixeron perderse unha competición na que estiveron presentes 87 equipos.

De entre todos eles o mellor foi o formado por Ventín e Amaro, que nunha segunda pasada polos treitos brillante foron capaces de remontar o tempo perdido no primeiro treito por unha lixeira saída de estrada.

Desta forma o equipo do Stratos do equipo Ya Car aventaxou aos seus compañeiros de equipo, Darío Calviño e Néstor Casal (Peugeot 205 Yacar), en apenas un segundo despois de máis de 40 quilómetros contra o crono.

A terceira posición da clasificación xeral foi para Abel Pampillón e José Lage, aos mandos dun Mitsubishi Lancer Evo X, a 7 segundos dos gañadores da proba.

Completaron os cinco primeiros clasificados os defensores do título Antonio Fernández “Ventura” e Alex Vaqueiro e Antonio López e Raquel Rodríguez, a 18 e 32 segundos da cabeza, respectivamente.

Un dos equipos protagonistas da xornada formado por Javier Martínez Carracedo e Marcos Fernández sufriron unha saída de estrada no derradeiro treito o que lles fixo afundirse na clasificación xeral.

Dentro dos participantes da categoría ‘Extra’ no trofeo Talleres Alonso, triunfo no debut de Jorge Pérez Alonso e Manuel Raido co Ford Fiesta WRC. Esta categoría, que non puntúa para a xeral do certame, deixou a Alberto Nimo e Brais Mirón como segundos clasificados e a Javier Ramos e Álex Moure como terceiros.

No Desafío Kumho Dianteira, primeiro posto para Daniel e Silvia Vicente, aos mandos de un Citroën Ax. O segundo posto foi para Álex Crespo e Avelino González e o terceiro para Jacobo Collazo e Adrián Guillade.

Entre os participantes no Desafío Kumho Traseira, victoria para Javier Andrade e Xeila Mariño.

Javier Ramos e Álex Moure foron os mellores clasificados do trofeo Piñor, por diante de José Luis García e José Antonio Teira e Álex Crespo e Avelino González.

A seguinte proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallysprint terá lugar o 16 e 17 de maio na localidade pontevedresa de Silleda.

Compartir