O Campionato Xunta de Galicia de Rallyes afronta esta fin de semana a súa oitava parada con motivo do Rallye de Ferrol.
A cita coruñesa, que na tempada 2023 retornou ao Campionato autonómico logo de rematar a súa presenza a nivel nacional, contará con 125 equipos na liña de saída, cos principais candidatos ao triunfo final dentro do elenco de participantes. Ademáis, a presenza de prácticamente todos os formatos promocionais garante a emoción durante toda a fin de semana.
Víctor Senra, aos mandos do Citroën C3 WRC, parte como grande favorito, nunha proba na que pode acadar os puntos para ser campión galego de forma matemática.
Entre os candidatos ao triunfo figuran tamén Alberto Meira e Avelino Martínez, Daniel Berdomás e Brais Mirón, Jorge Pérez e Miriam Vera ou dous equipos non habituais do certame, os formados por Joan Vinyes e Jordi Mercader e Gil Membrado e Jandrín López.
A actividade comeza este venres coa celebración do shakedown e a cerimonia de saída, esta última a partir das 19:30 horas da tarde na Avenida de Esteiro da localidade ferrolana.
Xa para o sábado, turno para os treitos cronometrados, con comezo ás 09:24 horas coa celebración do primeiro treito e chegada do primeiro participante ao final da proba ás 21:20 horas na Avenida de Esteiro novamente.
A entrega de premios está marcada para as 22:20 horas.